Publicada o Sábado 3 de Novembro de 2007 en Servizos, Medio Ambiente
A Concellaría de Medio Ambiente comunica que acaba de recibir unha subvención da Deputación da Coruña para o aforro enerxético no alumeado público. A área de Promoción Económica do organismo provincial achegará 15.991,60 € para instalar equipos redutores de fluxo luminoso, dotados de reloxos astronómicos, que diminúen o consumo de enerxía até nun 40%, en diversos puntos da rede, en concreto as zonas do casco urbano, a rotonda da Barca, a avenida do Mar, as Casas Baratas, a rúa Contramestre Casado e A Seaña. Estes aparellos entrarán en servizo ao longo deste mes de novembro.
Estudos realizados recentemente teñen demostrado que o consumo de enerxía utilizado no alumeado público produce unha contaminación equivalente á da metade da que causa o tráfico rodado. No aspecto económico, as facturas do alumeado do ano 2006 en Mugardos ascenderon a 110.000 €, unha cantidade que se verá así reducida de xeito considerábel.
O Concello está á espera de recibir outra subvención da Consellaría de Innovación e Industria da Xunta de Galiza que permita ampliar os redutores ao resto da rede.