Publicada o Venres 26 de Outubro de 2007 en Urbanismo, Medio Ambiente
O Pleno do Concello de Mugardos, na súa sesión ordinaria celebrada onte, acordou rexeitar unha subvención xestionada polo equipo de goberno perante a Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel da Xunta de Galiza para a creación dun parque nuns terreos de 9.000 m2 de titularidade municipal —adquiridos en virtude do convenio do Castelo da Palma— en Pontellas, nunha zona natural privilexiada, de vexetación autóctona e nas inmediacións dun río. A actuación, que ía ser sufragada integramente pola administración autonómica, tiña un orzamento de case que 60.000 €, e consistía na instalación de xogos infantís, mobiliario urbano e material de ximnasia para maiores. As obrigas do Concello limitábanse a facerse cargo do parque unha vez rematada a obra. A proposta recibiu 4 votos a favor (4 BNG), 2 abstencións (1 IU, 1 IpM) e 6 en contra (3 PSOE, 3 PP).
Foi rexeitada tamén unha proposta para proceder á ocupación dos terreos do Pazo das Condesas e inscribir o edificio no inventario municipal de bens, con 4 votos a favor (4 BNG), 3 abstencións (3 PSOE) e 5 en contra (3 PP, 1 IU, 1 IpM). Non obstante, nesta votación foi decisiva a ausencia por motivos laborais dun concelleiro nacionalista, polo que o equipo de goberno agarda sacar este asunto adiante nunha vindeira sesión plenaria.
O Pleno aprobou, noutra orde de cousas, pedir unha subvención á Xunta para adaptar o PXOM á nova Lei do Solo.