Publicada o Luns 24 de Setembro de 2007 en Medio Ambiente
A edición de 2007 da campaña internacional A limpar o mundo, auspiciada polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), saldouse en Mugardos coa retirada de media tonelada de lixo no peirao.
No acto, organizado polo Concello de Mugardos e a Sociedade Galega de Historia Natural, e no que colaboraron tamén Protección Civil e a sección de mergullo do Club do Mar de Ferrol, así como outras asociacións e voluntarios a xeito individual, participaron arredor de setenta persoas, entre os vinte e dous mergulladores e persoal de terra, que retiraron entre as 16:00 e as 19:00 horas de domingo nasas, pneumáticos, redes, cadeiras, ferros, botellas, plásticos e latas depositados nos fondos mariños do porto mugardés.
Trátase da oitava edición desta campaña que se desenvolve na nosa vila. A escala internacional, a iniciativa, xurdida en Australia, leva realizándose desde hai xa catorce anos. Pode obterse máis información en www.cleanuptheworld.org. O concelleiro de Medio Ambiente, Moisés Rivadulla, agradeceu a axuda de todas as persoas que colaboraron. “Confiamos en que iniciativas coma esta sirvan para concienciar a xente, especialmente os máis novos, sobre a necesidade de coidar o noso entorno”, manifestou. “Aínda que participaron máis mergulladores ca nunca, a cantidade recollida foi bastante menor ca outros anos, o que demostra que as limpezas van causando efecto e o porto está cada vez máis limpo”, engadiu o concelleiro.
En conxunto, esta campaña leva retiradas xa trece toneladas de lixo do peirao.