Publicada o Martes 18 de Setembro de 2007 en Medio Ambiente
A Concellaría de Medio Ambiente comunica que, tal e como vén sucedendo desde hai oito anos, e no marco do convenio asinado coa Sociedade Galega de Historia Natural, colaboraremos na edición de 2006 da iniciativa internacional A limpar o mundo, auspiciada polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA). Pode obterse máis información sobre a campaña global en www.cleanuptheworld.org. Colaboran tamén Protección Civil, a sección de Mergullo do Clube do Mar de Ferrol, a Confraría de Pescadores e voluntarios de toda a comarca.
Mergulladores coordinados pola SGHN realizarán domingo 23 de setembro, a partir das 16:30 horas, unha limpeza nos fondos mariños do peirao de Mugardos, apoiados por outros voluntarios en terra na zona onde atracan as lanchas. Unha vez rematado o acto, o Concello ofrecerá un pequeno aperitivo para todos os participantes. Unha lancha sairá de Ferrol ás 16:00 horas para recoller os mergulladores que veñan desde alí, e regresará ás 20:00.
As limpezas levadas a cabo nos últimos sete anos xa conseguiron retirar máis de 18 toneladas de residuos do peirao mugardés. Agardamos que isto serva para mellorar a concienciación cidadá sobre o respecto á natureza e a riqueza da flora e da fauna da nosa ría, a grande descoñecida da comarca.