Pódense propoñer multitude de rotas polo Concello de Mugardos máis debido ao seu pequeno tamaño (12,7 Km² en superficie), resulta difícil non saírse do termo municipal para darlle un sentido turístico e paisaxístico de primeiro nivel. No seguinte documento propóñense dous trazados; o primeiro chamado o do Segaño e o segundo o do Seixo. O punto de partida de ambas rotas é a Casa do Reloxo. Neste edificio atópase a oficina de Turismo do Concello e está moi próximo á zona de atraque da Lancha de Mugardos.

Saída da Casa do Reloxo no peirao de Mugardos, próximo ao punto de atraque da Lancha que fai o percorrido de Mugardos a Ferrol. Percórrese o paseo dirección ao Cantón de Cora desde onde ascendemos pola rúa Real á L-131(rúa do Peteiro) polo lugar das Mareas arrodeamos a enseada do Baño (enseada fermosa na que se atopa a praia da Bestarruza) primeiro nun descenso e logo nun ascenso á punta Redonda. No fin do rodeo á enseada do Baño chegamos ao fermoso lugar da Redonda, un miradoiro excelente de Mugardos e da súa praia da Bestarruza. Ao pasar a Redonda abandonamos as últimas vivendas do Concello para atoparnos co Castelo da Palma, unha impresionante fortificación militar orixinaria do S.XVI que controlou no seu día a boca da ría conxuntamente co Castelo ferrolá de San Felipe. Dende o Castelo imos paralelos ao mar xa en camiños de terra até a punta do Segaño (xa do concello de Ares) desde esta punta temos unha magnifica panorámica do océano Atlántico, da entrada da ría de Ferrol, do Porto Exterior e se fai bo día…até onde nos acade a vista. Neste punto percorremos 6 quilómetros, aquí temos a opción de voltar polo mesmo camiño de volta a Mugardos ou seguir dirección á enseada de Chanteiro onde atopamos una bonita praia recollida dos ventos. Desde aquí rodeando os montes de Montefaro e Bailadora polas parroquias aresanas de Chanteiro e Cervás para atacar o seu ascenso polos lugares de Monte, Sandei e Barra cara Roibeiras e a enseada do Baño xa en Mugardos. Aos 400m.de comezar o ascenso do Pazo das Condesas na L-131 tomamos un desvío á dereita que nos leva á igrexa de San Xiao de Mugardos e desde alí chegamos á rúa do Cristo e descendemos pola rúa Alta até a igrexa de San Telmo para seguir descendendo cara o peirao e completar os 13,408 quilómetros deste percorrido.

Saída da Casa do Reloxo no peirao de Mugardos, próximo ao punto de atraque da Lancha que fai o percorrido de Mugardos a Ferrol. Percórrese o paseo dirección Cantón de Cora desde onde se ascende a AV. de Galiza cara o lugar do Penedo pola estrada do Seixo. Séguese esta estrada paralela á ría até chegar ao Seixo, pobo pequeno e fermoso que conta cun embarcadoiro e unha arquitectura mariñeira propia da zona. Deste lugar continuamos cara a igrexa de Franza e continuamos cara a estrada L-122 que cruzamos cara a capela da Ascensión xa na Parroquia de San Xoán de Piñeiro.Neste tramo existen numerosas arboredas que fan moi agradábel o paseo no verán. Desde este lugar dirixímonos cara Seselle e aos 300 m. tomamos a estrada de servizo paralela á vía rápida de Mugardos–Fene que nos deixa na rotonda de Franza desde a que imos á igrexa de San Vitorio. Chegado a este punto dirixímonos aos lugares de Rilo, Areosa e os Casás para descender á igrexa se San Vicente de Meá e volver ao peirao de Mugardos pola rúa Contramaestre Casado pasando polas Casas Baratas o Campo dos Carneiros e baixada á Casa do Reloxo. Este percorrido acada os 12208,05 Km. Sendo na súa meirande parte zonas interiores do concello. Os tramos son todos asfaltados pero a entrada en servizo da vía rápida que comunica Fene con Mugardos aliviará de tráfico estas estradas facendóas máis acaídas para as bicicletas.